Cancelación da proxección do 26 de maio: Los reyes del mundo

Dende o Cine Club Carballiño comunicamos que nos vemos obrigados a cancelar a proxección do filme Los reyes del mundo prevista para o día 26 de maio en sesións de 20:00 e 22:30 horas debido a que a candidatura de Espazo común de Carballiño decidiu organizar un mitin.

 

No cine club eramos conscientes de que a campaña electoral podía alterar a dispoñibilidade do Auditorio Manuel María, polo que a mediados de marzo puxémonos en contacto coas diferentes candidaturas ao Concello do Carballiño para ver a posibilidade de manter a nosa programación habitual dos venres, que remataba xustamente con esta película, así comoorganizar un ciclo de cine galego en tres días (do 19 ao 21 de maio). 

 

Todos os partidos manifestaron a súa vontade de non interferir cos seus actos de campaña na actividade cultural do pobo, e polo tanto das proxeccións do cine club. Procedimos entón á contratación e o pagamento dos filmes que tiñamos programados e a facer a cartelería correspondente, na que se anunciaban todas as nosas proxeccións. Este domingo día 21 de maio, recibimos un whatsapp dun espectador habitual no que se anunciaba un mitin de Espazo común o mesmo día que nos iamos proxectar Los reyes del mundo, á mesma hora e no mesmo lugar, sen recibir ningún tipo de comunicación por parte do partido. 

 

Postos en contacto con Espazo común, desdícense do que falaramos con anterioridade e non aportan ningunha solución, o que provoca a cancelación da película e os conseguintes gastos para a nosa asociación (dereitos de exhibición, publicidade, portes) . Manifestar a nosa sorpresa e malestar por este feito, que amosa unha falta de sensibilidade e de respecto tanto polo noso traballo como polo público que asiste ás proxeccións.

 

Esperamos que dende hoxe ata o día do mitin sexan capaces de pensar en propostas máis interesantes para potenciar e colaborar coas asociacións e a vida cultural deste pobo. E de paso entendan que o interese xeral debe primar sobre os intereses particulares dun partido político.

Engadir un novo comentario